Lunes a Viernes de 09h a 14h - 16h a 19h

Comercial Mida | Sociedade - O Xornal de Lemos (XdL)

09.12.2019

Sociedade - O Xornal de Lemos (XdL)

DIEGO V.: "NO RURAL PÓDESE FACER MOITAS COUSAS GRAZAS A INTERNET" 


Comercial Mida de Taboada é unha agrotenda que en xaneiro do 2018 se abría á venda online e ao márketing electrónico. Dunha empresa esforzándose por sobrevivir no rural, este ano tivo unha media de 25 mil pedidos e roldan o medio millón de facturación. Falamos con Diego Villar, xerente e responsable de márketing deste proxecto empresarial. 


Como comezou todo este proxecto?

Por casualidade coñecín Comercial Mida, a través de amigos comúns, e falando do traballo de cada un comentei que estaba metido en marketing, páxinas webs e comercio electrónico. A eles interesáballes ter a alguén con este perfil para axudar na tenda de Taboada. O obxectivo era vender por internet para mellorar o rendemento da empresa. Propúxenlle facer un plan de traballo, un plan de marketing coa diferentes posibilidades que había para o negocio e pareceulles interesante. Agora estamos lanzando CM Stores & Innovate Business, un grupo de empresas con Comercial Mida á cabeza.

Que tipo de producto ofrece Comercial Mida?

Produtos agroalimentarios, todo tipo de produtos para mascotas, para o campo, horta e xardín, gandaría, agricultura,... Agora mesmo a maior demanda témola no grupo de mascotas e xardín ou hortos urbanos. Nas cidades lévase bastante este tipo de horta urbana e aproveitamos ese tirón que hai na rede para comercializar este tipo de produto. Tamén traballamos a agricultura e gandaría convencional.

Cal é o cliente?

O usuario final maioritario agora mesmo é persoa da cidade que no tema da agricultura e horto urbano non ten fácil acceso a determinados produtos porque non é habitual en tendas de rúa da cidade atopar determinados abonos ou sementes ou produtos que nós distribuímos e levamos directamente á casa. Cada vez máis cómpranos xente de explotacións preto da cidade, con máis terreo, e estamos a traballar na gandaría con produtos para a cría de cordeiros, tenreiros,...

Ese cliente de cidade de onde é, español, galego?

Traballamos a nivel internacional. O 80% é a nivel nacional, pero o 20% restante distribúese a todo o mundo con todos os servizos. Dentro do grupo CM Stores & Innovative Business SLU temos 4 proxectos paralelos enfocados a este sector. En 2020 lanzaremos o proxecto de PisadAnimal.es que vai ser un sección especializada en mascotas e a finais do 2020 lanzaremos o resto de proxectos destinados a agricultura, gandaría e produtos do fogar,... insecticidas, raticidas e desinfectantes de uso doméstico.

Cantos traballades hoxe en Comercial Mida?

Dous no equipo de márketing, unha persoa que se encarga de empaquetar e facer envíos, a encargada de tenda e xestión de pedidos e eu para xestión de empresa, procura de provedores...

Como chegades ao cliente?

Todo é online, a través de redes sociais. Temos as canles de Comercial Mida, de PisadAnimal, canle de CM Stores & Innovative Business, temos as contas de Instagram, Twitter e Facebook e a través de posicionamento orgánico, o que é o SEO. Prepáranse os anuncios para que cando a xente busque en Facebook aparezamos nos primeiros resultados. Facemos campañas en medios dixitais con cupóns de descontó e desenvolvemos iniciativas para atraeer ao cliente ás nosas propias plataformas. Agora mesmo estamos a traballar en Amazon, Ebay, Mano a mano, Carrefour... Temos a páxina de Comercial Mida e a que lanzaremos de PisadAnimal. É o conglomerado todo de plataformas no que estamos presentes.

Diego estuda marketing e electrónica, contabas facer o que estades facendo e axudar a levar a tecnoloxía e o marketing online ao mundo rural?

Non. Pensas en grandes empresas nacionais e internacionais. Deuse a oportunidade de facer crecer un negocio, de experimentar desde cero e oxalá sexamos nós no futuro a gran empresa coa que todo o mundo espera traballar, pero neste caso nós fixémola crecer desde cero.

Que valoración tes agora do voso proxecto para o rural?

É un punto de inflexión no rural. Habería que tentar conservar os traballos do rural, aínda que non é fácil porque fai falta un esforzo económico. É importante dar a coñecer a través de medios dixitais, que no campo hai un traballo que existe que se pode facer e con axuda de entidades públicas pódese sacar adiante calquera traballo ou proxecto. É cuestión de esforzo e perseveranza. Nun ano ou dous moita xente tira a toalla porque ve que é moito sacrificio e pouca remuneración, pero é o contrario. Hai que ter constancia e insistir. As cousas tardan o seu tempo, pero acaban saíndo. Hoxe no mundo rural pódense facer moitas cousas, grazas á tecnoloxía que nos permite expandirnos desde internet, tanto no coñecemento como no traballo, o rural pode saír adiante e reflotar. Nós con este proxecto queremos demostrar iso, que a España baleirada existe, pero sempre se lle pode dar un volta e aquí temos un exemplo. Queremos que a xente se anime a desenvolver desde o rural, a promover e a sacar iniciativas que benefician a todos.

En xaneiro cumprides dous anos. Como se presenta o 2020?

Este ano roldamos o medio millón de facturación, a idea o duplicalo para 2020. Temos a tenda en Taboada e vendemos online, pero queremos manter a presenza do local físico para demostrar que a xente na aldea ten o seu punto de compra e pode mercar e ver as cousas. Queremos manter a pesencia nos sitios de toda a vida, sumando unha forte presenza na rede.